Novas

20/03/2020
Resolución Reitoral sobre a adaptación das guías docentes ao ensino non presencial

RESOLUCIÓN REITORAL DO 20 DE MARZO DE 2020, MEDIANTE A QUE SE ADAPTA O PROCEDEMENTO ESTABLECIDO PARA AS GUÍAS DOCENTES E PARA A COORDINACIÓN DA ACTIVIDADE DOCENTE DA UNIVERSIDADE DA CORUÑA, ÁS MEDIDAS EXTRAORDINARIAS PREVISTAS PARA ACOMODAR AS ACTIVIDADES ACADÉMICAS Á SUSPENSIÓN TEMPORAL DA ACTIVIDADE DOCENTE PRESENCIAL.

O Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, ordena a suspensión da actividade académica educativa presencial en todos os niveis académicos, incluída a ensinanza universitaria, e establece que durante o período de suspensión manteranse as actividades educativas a través das modalidades a distancia e “on line”, sempre que sexa posible.

Pola súa parte, o Plano de Contixencia da UDC ante o COVID-19 dispón no seu punto 6 que “a suspensión das actividades académicas comportará a suspensión da docencia presencial e a adopción de medidas de adaptación da actividade docente que serán detalladas nun documento específico”.

A competencia para a adopción destas medidas corresponde ao reitor, entanto se manteña a actual crise sanitaria, de conformidade co previsto no punto 2 do referido Plano de Continxencia e na Resolución Reitoral do 14 de marzo de 2020 que encomenda tamén ao reitor a misión de garantir, mediante o ditado das correspondentes instrucións, a continuidade na prestación do servizo na Universidade da Coruña.

O artigo terceiro das Normas de avaliación, revisión e reclamación das cualificacións dos estudos de Grao e Máster Universitario, aprobadas polo Consello de Goberno da Universidade da Coruña, establece que as Guías Docentes (GADUS) son aprobadas polos Departamentos e polas Xuntas de Centros, ou Comisións Académicas específicas dos títulos en que delegue, no seu caso, correspondentes a cada unha das materias que se imparten nas diferentes titulacións.

Resultando imprescindible adaptar as GADUS á docencia non presencial, compete á Reitoría da UDC adoptar as medidas extraordinarias necesarias para que esta adaptación poda ser realizada no menor tempo e coa menor incidencia posible na actividade docente.

 

De conformidade co exposto, RESOLVO:

- Que o profesorado realice as adaptacións das GADUS correspondentes aos apartados de planificación, metodoloxía e avaliación para que poida prestarse o servizo de docencia en modalidade non presencial mentres permaneza en vixencia o Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo ou, no seu caso, as prórrogas do mesmo.

As referidas adaptacións serán comunicadas ao alumnado a través da plataforma Moodle e aos centros e departamentos por medio do correo electrónico corporativo, para a súa aprobación.

-           Estas adaptacións entrarán en vigor no momento en que o profesorado llas comunique ao estudantado vía Moodle, sen prexuízo das modificacións que con posterioridade, no seu proceso de aprobación, poidan introducir os Departamentos, Xuntas de Centro ou Comisións Académicas nas que se delegue.

 

Julio Abalde Alonso Reitor